O traballo para que o irmán maior no se sinta “desprazado” é asunto dos pais e dos familiares. As cousas cambian moito para o pequecho cando chega o bebé. Ata ese momento, era o centro de atención e agora terá que compartir protagonismo co recentemente chegado.

A tarefa xa comeza durante o embarazo. Neste caso, o traballo é tanto cousa da nai coma do pai, que teñen que levar o embarazo dunha forma natural.

Aquí dámosche uns consellos que axudarán ao neno a entender a nova situación:

– Non lle ocultes o embarazo: O pequecho debe saber por ti que estás embarazada, se llo contan terceiras persoas pensará que é algo malo e por iso non llo queres contar.

– Interactúa con el, déixalle que poña a man na túa barriga, que escoite os seus latexos, etc.

– A súa opinión é importante: Debes implicar ao pequecho nos temas relacionados co bebé. A decoración da habitación, a elección do nome… tes que conseguir que se sinta importante na vida do bebé.

– Cóntalle a evolución: o embarazo non debe ser un tema tabú, o pequeno debe ser informado de como vai o embarazo e se ten algunha pregunta trata de contestarlle con naturalidade.

– Cando teñas que ir ao Hospital, avísao, que non vexa que a súa nai marcha sen ningunha razón. E cando volvas á casa co bebé, procura estar libre para darlle o teu primeiro abrazo, que se sinta querido e que vexa que a chegada do irmanciño non o vai desprazar.

– Unha vez que o bebé chega á casa, débese deixar que o pequeno mostre o seu cariño tanto como queira, e dedicarlle cada día un pouquiño de “espazo persoal” . Tes que facerlle ver que o bebé será en moi pouco tempo un compañeiro de xogos. Débese avisar ás visitas de que cando cheguen, tamén lle fagan caso ao irmán maior.

Os celos forman parte dunha etapa normal e necesaria no desenvolvemento evolutivo dos nenos e mesmo, sempre que estean controlados, axúdalles, nun futuro, a madurar.